Saturday 27 de April de 2024

Ao redor de 200 persoas déronse cita onte en Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 para participar nunha Masterclass de Zoa


O festival ofrecerá esta noite as actuacións da consagrada banda Moura e Rapariga DJ

DJ Pop Voyage regresará o sábado á tardiña cunha sesión musical

Ao redor de 200 persoas achegáronse onte á tardiña ao festival Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 para gozar dunha Masterclass de Zoa. O recinto converteuse nunha clase ao aire libre marcada polos pasos de catro monitores especializados procedentes de distintas localidades.

Dirixidos por Ana Martínez, da escola Pasito de baile de Santiago, Bruno Hermida (Pontecaldelas), Priscila Dance (A Estrada) e Fran Mourelos (O Grove) ofreceron unha complete sesión de baile e boa música. Unha cita que tivo no escenario á pequena Saloa que se uniu ao equipo de profesionais que amenizou o atardecer no recinto de Monte do Gozo.

Previamente, e dentro da sección de Catividades, os pequenos gozaron dunha refrescante festa da escuma. Esta actividade correu a cargo da Gramola Kids, encargada de desenvolver o programa infantil de Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22.

Citas para a fin de semana
O programa do festival en Monte do Gozo continúa esta noite co concerto que protagonizará a consagrada banda Moura, ás 22.30 horas. Esta actuación complementarase con dúas sesións a cargo de Rapariga DJ -ás 21.00 e 23.50 horas-, que foi a encargada de inaugurar o festival o pasado 14 de xullo.
A entrada é gratuíta, aínda que se require reserva previa, por motivos de aforo e en aplicación dos protocolos de seguridade e prevención fronte á COVID-19. Esta deberase formalizar a través da web www.gogozo.gal.

A música continuará mañá pola tarde, cunha nova sesión de DJ Pop Voyage. O pica ofrecerá estilos tan variados como a música electrónica, indie, funk, pop, jazz ou bossanova, pasando tamén polo rock.

Sobre Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22
Go! Go! Zo! Xacobeo 21-22 é un festival que pretende facer de Monte do Gozo o lugar onde gozar dunha alternativa de lecer estival. Sesións DJ, música en directo e actividades infantís centran a programación que se estenderá ata o 12 de setembro.

A posta en valor das bandas e artistas galegos e as novas promesas do panorama musical da comunidade é unha das grandes apostas deste festival. Todas as actividades serán de carácter gratuíto e pódense reservar a través da propia web do festival.